Publicacións

Nomeamos as aulas con Inma López Silva

Imaxe
Por fin este ano levamos a cabo unha actividade que, desde o EDLG do centro, xa tiñamos prevista desde hai tempo: nomeamos as aulas con nomes de autoras da nosa literatura! Este curso foron 12 aulas as que recibiron nome, todas as dos grupos-clase. E, ademais, nomeamos a biblioteca co nome de Rosalía de Castro e o salón de actos dedicámosllo a Xela Arias , no ano en que é homenaxeada no Día das Letras.   E para completar a celebración, o día 20 de maio acompañounos Inma López Silv a, facendo os honores e inaugurando a placa que leva o seu nome nunha das aulas. Ademais, tivemos un encontro con ela e o alumnado de 1º de Bacharelato para falar de muller, literatura e feminismo. A autora mostrouse encantada coa iniciativa. Esta iniciativa terá, por suposto, continuidade. En vindeiros cursos ampliaremos o número de aulas con nome, xa que aínda nos quedan unhas cantas... E seguiremos na tarefa de visibilizar as nosas letras e as nosas autoras.

Antía Yáñez no IES Camilo José Cela

Imaxe
 O pasado mércores 24 de marzo visitounos unha das principais voces novas da narrativa galega actual, Antía Yáñez. A escritora falounos da súa aclamada novela, Senlleiras . E isto deu pé a que disertara, de xeito moi ameno, sobre violencia de xénero cara á muller, expresada de moitas maneiras a través da nosa historia recente. Tamén houbo tempo para explicar o proceso de creación da novela e algúns detalles sobre os escenarios e personaxes que aparecen nela.   O alumnado de 1º de Bacharelato participou no faladoiro. Ao final, Antía prestouse a dedicar os exemplares da novela que lle levaron. Deixámosvos as fotos!

8M no IES Camilo José Cela

Imaxe
A loita pola igualdade e polos dereitos da muller é un sinal de identidade no noso centro. Este ano, como é habitual,  organizamos distintos actos e exposicións, colaborando o EDLG coa vicedirección, coa biblioteca e con moitos membros do profesorado e do alumnado. Deixámosvos  ver unha mostra!

24 de febreiro. Día de Rosalía no IES Camilo José Cela

Imaxe
Este ano, de novo, celebramos o Día de Rosalía, conmemorando o nacemento da nosa autora de referencia cunha iniciativa especial: repartimos plantas e versos de Rosalía. Cada alumno e cada alumna levaron unha macetiña con un pensamento e uns versos da poeta de Galicia. Como podedes ver nas fotos, o alumnado estivo encantado coa iniciativa e co xeito de facer presente a figura e a poesía de Rosalía de Castro.

Celebrando o Día da Paz con versos e baile

Imaxe
 Este mes de xaneiro rematou coa celebración do Día da Paz nas canchas deportivas do IES Camilo José Cela. Un grupo de alumnas de 1º de Bacharelato, axudadas por David, o seu profe de Educación Física, agasalláronos cun baile pola paz: Houbo lectura de poemas, tamén por parte do alumnado de 1º de Bacharelato: E, por suposto, o resto da comunidade sumouse ao espectáculo!

Nadal 2020

Imaxe
  Xa vai alá o primeiro trimestre deste curso tan estraño que nos tocou vivir. Chegaron as vacacións de Nadal e no IES Camilo José Cela organizamos un concurso de postais.  Esta foi a postal gañadora, deseñada por Marta Le Pérez Boga de 1ºB de Bacharelato, coa que o instituto vos desexa un bo Nadal, cheo de emocións vellas, de esperanzas novas e de apertas virtuais.   Outras que se presentaron ao concurso...

25N no Camilo José Cela - 2020

Imaxe
   Un 25N diferente. O IES Camilo José Cela non quixo deixar pasar esta data sen deixar constancia da repulsa  da violencia contra a muller. O alumnado traballou con diferentes textos que nos convidan a reflexionar sobre o papel que desempeñamos, para inverter unha situación que nos afecta a todos e todas.