Publicacións

Faleceu o poeta Bernardino Graña

Imaxe
A cultura galega vestiuse de loito o sábado 18 de xaneiro de 2025, co falecemento de Bernardino Graña. Desde o EDLG do IES Camilo José Cela queremos facer unha última homenaxe ao gran poeta, dramaturgo, narrador e docente. Ademais, deixou inmortalizado o noso centro no famoso poema "En Padrón os alumnos do instituto", en que remite ao seu paso polas aulas do noso IES na década de 1970. O curso 2023-2024, con motivo do 50 aniversario do IES, Bernardino aínda tivo presenza nas celebracións a través da dedicatoria do vídeo realizado por Lois Gil Magariños e coa entrega que se lle fixo dun agasallo conmemorativo.

Samaín e xogos populares

Imaxe
Este 29 de novembro, ademais de celebra o Samaín coa tradicional lectura de contos de medo, tivemos unha xornada de recuperación dos xogos tradicionais galegos.  O concurso de relatos de medo estivo interesantísimo. As persoas galardoadas foron Henrique Martínez Bouzón e Noemí Dios Blanco en 1º de ESO e Ernesto Nahuel García Losada e Paula Romero Losada en 2º de ESO. Pero o máis terrorífico aconteceu cando apareceu Astrid Ivanoff caracterizada como a noiva cadáver na entrega dos premios! Polo que se refire ao circuíto de xogos populares, o alumnado de 1º e 2º de ESO pasouno de marabilla coa corda, a chave, os birlos, a ra... Estes xogos causaron sensación e demostrouse que a tradición pode recuperarse e seguir divertindo os mozos e mozas de hoxe.

Orgullo galego

Imaxe
Para comezar as actividades deste curso, o 25 de outubro tivemos un encontro con Borxa, de @orgullogalego , quen nos falou da situación do galego nas redes. As súas reflexións sobre a escolla do galego como lingua en Internet foron moi interesantes e despertaron o interese do alumnado de 4º de ESO sobre a necesidade de manter a nosa lingua viva nas redes. A comunidade Orgullo galego xurdiu en 2016 para divulgar a nosa lingua e normalizar o seu uso nas redes sociais. Hoxe en día están presentes creando contido en todas as principais plataformas de internet e redes sociais. Parabéns a esta xente que loita por que a nosa lingua estea presente en todos os ámbitos e sectores!

Seguimos nomeando aulas

Imaxe
Este curso 2023-2024, o EDLG seguiu dando pulo a unha iniciativa que comezou xa uns cursos atrás: nomear as aulas do centro. E seguimos poñendo nome de mulleres galegas aos espazos do IES Camilo José Cela. Este curso nomeamos 6 aulas máis. Unha delas, como xa puxemos noutra entrada, foi a dedicada a Rosa Aneiros, que veu inaugurala en persoa! As outras foron dedicadas a Luísa Villalta (homenaxeada deste xeito no ano das Letras Galegas 2024), Margarita Ledo, María Wonenburger, María de la Fuente e Oria Moreno García.  Seguiremos nomeando espazos docentes, que aínda quedan, pero adiantamos que aínda ten que vir alguén máis a inaugurar a súa aula. Terémosvos informados e informadas!

Rosa Aneiros nas Letras Galegas do IES Camilo José Cela

Imaxe
Para celebrar as Letras Galegas deste 2024, ano do 50 aniversario do centro, o luns 20 de maio tivemos unha convidada de luxo: a escritora Rosa Aneiros. Rosa achegouse a Padrón para falar co alumnado de 3º e 4º de ESO, que estivo atentísimo ao que contaba. Ela mesma se declarou intimidada polo silencio e a atención! Pero a conversa, grazas á amenidade e bo facer da autora, foise animando. Rosa falounos da súa formación como escritora, da xénese de moitas das súas obras, dos seus gustos literarios, dos seus estudos, leunos poemas... E, ao final, a conversa animouse e case faltou tempo para intercambiar impresións con ela. Ao finalizar o faladoiro, un grupo selecto de alumnas e alumnos acompañounos á aula de Lingua Española 3, que foi inaugurada con toda o boato e que, desde hoxe, pasa a chamarse Aula Rosa Aneiros!  

O Club de Debate do IES Camilo José Cela alcanza a segunda posición no campionato de debate Alingua

Imaxe
 Os mozos e as mozas integrantes do Club de Debate do IES Camilo José Cela acaban de repetir éxito na súa participación no Campionato de Debate Alingua: conseguiron a segunda posición final da competición. A final tivo lugar en Val do Dubra e o tema sobre o que debateron foi "Os Neofalantes" e o equipo, composto por estudantes de 4º de ESO e 1º de Bacharelato, realizou unha brillante intervención.

O IES Camilo José Cela clasifícase para a final do club de debate Alingua

Imaxe
 O equipo formado polos representantes do IES Camilo José Cela clasificouse este martes, 27 de febreiro, para a final do Club de Debate Alingua, que organizan os SNL de distintos concellos. O equipo composto por alumnos e alumnas de 1º de Bacharelato e 4º de ESO do noso centro quedou en segunda posición no encontro realizado en Santa Comba.   A final terá lugar o vindeiro mes de abril en Val do Dubra. Sorte!!!