Publicacións

Helena Villar e Xesús Rábade celebran as Letras no IES Camilo José Cela

Imaxe
O martes 13 de maio celebramos as Letras Galegas no Cela coa visita de dúas persoas que representan coma ninguén as nosas letras e a nosa cultura: Helena Villar Janeiro e Xesús Rábade Paredes . Faláronnos de moitos aspectos relacionados coa nosa literatura: desde a literatura galego-portuguesa medieval ata a orixe do Día das Letras Galegas e as súas consideracións sobre a literatura actual.  O encontro animouse e deu lugar a un coloquio co alumnado de 4º de ESO que escoitou atentamente e participou na sesión. E a continuación, acompañamos á parella á aula da segunda planta que está dedicada a Helena Villar, que fixo a honra de inaugurala despregando a tea que cubría a placa! En definitiva, foi unha mañá na que todo o alumnado e profesorado presente gozaron da compaña de Helena e Xesús, que recibiron uns agasallos do centro e destacaron a calidade humana do alumnado do IES Camilo José Cela.

Obradoiro de Rap con Nervo

Imaxe
O día 24 de marzo tivemos a sorte de contar con Nervo, membro de Rebeliom do inframundo , para desenvolver un obradoiro de rap co alumnado de 4º de ESO. Nervo mostrounos o panorama do rap que se fai en Galicia e en galego. A actividade despertou o máximo interese do alumnado, que desfrutou facendo rimas e compoñendo letras de cancións sobre unha base rítmica. Gozamos moito da experiencia e quedounos claro que o mellor rap tamén se pode facer en galego!

Día de Rosalía no IES Camilo José Cela

Imaxe
Un ano máis sumámonos á celebración do 23 de febreiro que, como xa sabedes, é o Día de Rosalía e a data de nacemento da nosa poeta nacional. Desde o noso centro continuamos a festexar con poesía e música o día da nosa padronesa máis universal. Este ano os actos conmemorativos destacaron, coma sempre, pola súa orixinalidade: o noso compañeiro ïker adoptou a personalidade de Rosalía de Castro e, acompañado por Sandra no recitado e por Lorena, Érika, Tamara e Xeila na pandeireta, percorreron as aulas rendendo homenaxe á nosa autora cunha adaptación do poema inicial de Cantares Gallegos .   Parabéns ás compañeiras e ao compañeiro que desenvolveron esta excelente performance para lembrar a Rosalía de Castro outro ano máis!

Faleceu o poeta Bernardino Graña

Imaxe
A cultura galega vestiuse de loito o sábado 18 de xaneiro de 2025, co falecemento de Bernardino Graña. Desde o EDLG do IES Camilo José Cela queremos facer unha última homenaxe ao gran poeta, dramaturgo, narrador e docente. Ademais, deixou inmortalizado o noso centro no famoso poema "En Padrón os alumnos do instituto", en que remite ao seu paso polas aulas do noso IES na década de 1970. O curso 2023-2024, con motivo do 50 aniversario do IES, Bernardino aínda tivo presenza nas celebracións a través da dedicatoria do vídeo realizado por Lois Gil Magariños e coa entrega que se lle fixo dun agasallo conmemorativo.

Samaín e xogos populares

Imaxe
Este 29 de novembro, ademais de celebra o Samaín coa tradicional lectura de contos de medo, tivemos unha xornada de recuperación dos xogos tradicionais galegos.  O concurso de relatos de medo estivo interesantísimo. As persoas galardoadas foron Henrique Martínez Bouzón e Noemí Dios Blanco en 1º de ESO e Ernesto Nahuel García Losada e Paula Romero Losada en 2º de ESO. Pero o máis terrorífico aconteceu cando apareceu Astrid Ivanoff caracterizada como a noiva cadáver na entrega dos premios! Polo que se refire ao circuíto de xogos populares, o alumnado de 1º e 2º de ESO pasouno de marabilla coa corda, a chave, os birlos, a ra... Estes xogos causaron sensación e demostrouse que a tradición pode recuperarse e seguir divertindo os mozos e mozas de hoxe.

Orgullo galego

Imaxe
Para comezar as actividades deste curso, o 25 de outubro tivemos un encontro con Borxa, de @orgullogalego , quen nos falou da situación do galego nas redes. As súas reflexións sobre a escolla do galego como lingua en Internet foron moi interesantes e despertaron o interese do alumnado de 4º de ESO sobre a necesidade de manter a nosa lingua viva nas redes. A comunidade Orgullo galego xurdiu en 2016 para divulgar a nosa lingua e normalizar o seu uso nas redes sociais. Hoxe en día están presentes creando contido en todas as principais plataformas de internet e redes sociais. Parabéns a esta xente que loita por que a nosa lingua estea presente en todos os ámbitos e sectores!

Seguimos nomeando aulas

Imaxe
Este curso 2023-2024, o EDLG seguiu dando pulo a unha iniciativa que comezou xa uns cursos atrás: nomear as aulas do centro. E seguimos poñendo nome de mulleres galegas aos espazos do IES Camilo José Cela. Este curso nomeamos 6 aulas máis. Unha delas, como xa puxemos noutra entrada, foi a dedicada a Rosa Aneiros, que veu inaugurala en persoa! As outras foron dedicadas a Luísa Villalta (homenaxeada deste xeito no ano das Letras Galegas 2024), Margarita Ledo, María Wonenburger, María de la Fuente e Oria Moreno García.  Seguiremos nomeando espazos docentes, que aínda quedan, pero adiantamos que aínda ten que vir alguén máis a inaugurar a súa aula. Terémosvos informados e informadas!

Rosa Aneiros nas Letras Galegas do IES Camilo José Cela

Imaxe
Para celebrar as Letras Galegas deste 2024, ano do 50 aniversario do centro, o luns 20 de maio tivemos unha convidada de luxo: a escritora Rosa Aneiros. Rosa achegouse a Padrón para falar co alumnado de 3º e 4º de ESO, que estivo atentísimo ao que contaba. Ela mesma se declarou intimidada polo silencio e a atención! Pero a conversa, grazas á amenidade e bo facer da autora, foise animando. Rosa falounos da súa formación como escritora, da xénese de moitas das súas obras, dos seus gustos literarios, dos seus estudos, leunos poemas... E, ao final, a conversa animouse e case faltou tempo para intercambiar impresións con ela. Ao finalizar o faladoiro, un grupo selecto de alumnas e alumnos acompañounos á aula de Lingua Española 3, que foi inaugurada con toda o boato e que, desde hoxe, pasa a chamarse Aula Rosa Aneiros!  

O Club de Debate do IES Camilo José Cela alcanza a segunda posición no campionato de debate Alingua

Imaxe
 Os mozos e as mozas integrantes do Club de Debate do IES Camilo José Cela acaban de repetir éxito na súa participación no Campionato de Debate Alingua: conseguiron a segunda posición final da competición. A final tivo lugar en Val do Dubra e o tema sobre o que debateron foi "Os Neofalantes" e o equipo, composto por estudantes de 4º de ESO e 1º de Bacharelato, realizou unha brillante intervención.

O IES Camilo José Cela clasifícase para a final do club de debate Alingua

Imaxe
 O equipo formado polos representantes do IES Camilo José Cela clasificouse este martes, 27 de febreiro, para a final do Club de Debate Alingua, que organizan os SNL de distintos concellos. O equipo composto por alumnos e alumnas de 1º de Bacharelato e 4º de ESO do noso centro quedou en segunda posición no encontro realizado en Santa Comba.   A final terá lugar o vindeiro mes de abril en Val do Dubra. Sorte!!!

Día de Rosalía no IES Camilo José Cela

Imaxe
Este venres 23 de febreiro celebramos o Día de Rosalía no noso IES. Realizamos diferentes actividades para visibilizar a nosa escritora e para fomentar o uso do galego. Nos días precedentes levamos a cabo a campaña Búscanse galegofalantes , xunto co CEIP López Ferreiro de Santiago de Compostela. Instalamos no vestíbulo do centro un posto onde, desde un cartel moi expresivo, a propia Rosalía de Castro animaba o alumnado a que asinase un compromiso co emprego de idioma, para fomentalo e non abandonar o seu uso. A afluencia para asinar superou todas as previsións! Achegamos fotos das sinaturas en ambos os centros. Por outra parte, ao longo da mañá do venres, un grupo de alumnos e alumnas foron polas aulas recitando poemas de Rosalía de Castro ou sobre Rosalía . Este grupo estaba formado por Saraima, Xan, Daniel, Brais... con Íker e Sandra caracterizados como Curros Enríquez e a propia Rosalía de Castro !

Visita de María de la Fuente

Imaxe
Este xoves, día 8 de febreiro, conmemoramos dun xeito moi especial o Día da Muller e da Nena na Ciencia . Visitounos a científica María de la Fuente , unha das principais investigadoras en nanooncoloxía e nanotecnoloxía da actualidade. María foi convidada polo EDLG e falou de ciencia, de investigación en Galicia e en galego, do cancro, dos atrancos das mulleres fronte aos homes para consolidar a súa carreira investigadora... De todos estes temas nos achegou a súa visión autorizada e, mesmo, nos contou como sufriu na súa propia carreira a marxinación pola súa condición de muller.    En definitiva, un encontro para lembrar e que superou todas as expectativas no alumnado de 4º de ESO de de 1º de BAC que asistiu. E unha mensaxe clara: pódese e débese facer ciencia en galego e desde Galicia e as mulleres do noso país teñen moitas achegas e descubrimentos cos que contribuír á sociedade.  

Videoconferencia de Elena Blanco

Imaxe
O alumnado de 1º de Bacharelato desfrutou dunha conferencia da científica galega residente no Reino Unido, Elena Blanco . Por segunda vez, Elena reuniuse virtualmente co noso alumnado para falar de ciencia, investigación e do papel da muller neste eido.

A farsa das zocas

Imaxe
 Para despedir o curso, o grupo de teatro do EDLG realizou a representación da obra teatral A farsa das zocas , de Ricardo Carvalho Calero , representada no Auditorio de Padrón. Parabéns a todo o alumnado e profesorado colaborador, que estiveron todo o curso esforzándose para que a representación fose un éxito!

Leliadoura 2023

Imaxe
 Como todos os anos, rematamos o curso coa publicación da nosa revista. Leliadoura volve estar connosco para contar toda a actividade do curso!
Imaxe
 Este ano, para festexar as Letras Galegas, contamos de novo coa visita de Pinto de Herbón e Caruncho, que desenvolveron un Obradoiro de Regueifa co alumnado de 2º de ESO. Terra de Iria, terra regueifeira!  

Letras Galegas no IES Camilo José Cela

Imaxe
Entre as actividades deste curso para conmemorar o Día das Letras Galegas, dedicado este ano a Francisco Fernández del Riego, o Departamento de Lingua Galega e Literatura, en colaboración co EDLG, realizou unha exposición de cartelaría polos corredores do centro. Nestes cartaces recordouse a varias das figuras homenaxeadas nas sucesivas edicións do día que celebra a nosa literatura.

Día de Rosalía co CEIP López Ferreiro de Santiago de Compostela

Imaxe
Este ano celebramos, de novo, o Día de Rosalía e o Día da Poesía. Para isto contamos de novo coa colaboración do alumnado de 4º de Educación Infantil do CEIP López Ferreiro de Santiago de Compostela. Este alumnado agasallouno co recitado duns versos de Rosalía de Castro, que nos remitiron a través destes códigos QR. Adiós ríos adiós fontes Eu ben vin estar o moucho Se escaneades estes códigos veredes o video-recitado que nos gravaron. Parabéns aos rapaces e rapazas do CEIP López Ferreiro!!!

ADOPTA UN LECTOR OU UNHA LECTORA

Imaxe
Este curso o EDLG do IES Camilo José Cela volveu realizar unha das actividades favoritas do alumnado, tanto do do noso IES como do do veciño CEIP Flavia. Trátase da actividade de lecturas compartidas que xa é tradición nestes dous centros Adopta un lector ou unha lectora . Este curso a convocatoria foi moi numerosa: alumnos e alumnas de varios niveis achegáronse no mes de febreiro para compartir as súas lecturas cos rapaces e rapazas de 4º, 5º e 6º de Educación Infantil e de 1º e 2º de Educación Primaria. Se queres ver máis fotos e detalles da actividade preme neste enlace , que vos levará ao Blog de actividades do IES Camilo José Cela.

NADAL 2022

Imaxe
Este Nadal, como é habitual, o EDLG colaborou coa Vicedirección do centro e co alumnado para a edición da postal de felicitación. Este curso foron Iker Filgueira (como autor do texto) e Paula Paz Franco (responsable da ilustración), as persoas gañadoras do concurso para a selección da felicitación: Se queres ver máis sobre as actividades do Nadal, preme neste enlace , que te levará ao blog de actividades do IES Camilo José Cela.