DÍA DA CIENCIA EN GALEGO: DOMINGO FONTÁN

O luns 8 de outubro, a Real Academia das Ciencias acolleu o acto académico que homenaxeou o autor da Carta Xeométrica de Galicia, Domingo Fontán Rodríguez.
 
Este ano no Día da Ciencia en galego homenaxéase a Domingo Fontán, porque se cumpren 230 anos do seu nacemento. No portal da Ciencia Galega tedes toda a información.
Desde o departamento de matemáticas do IES Camilo José Cela, a profesora Maite Castro sempre tenta facer algunha actIvidade de interese co alumnado en galego, xa que tras o Decreto do Plurilingüismo a materia de matemáticas só se pode impartir en castelán. Como galegofalante que é, cousa que normalmente lle sorprende ao alumnado, goza de xeito particular dese día.
Este ano a Real Academia das Ciencias púxollo realmente fácil, posto que lle gusta moito todo o relacionado cos mapas e a cartografía en xeral. Ademais, contou coa colaboración de Xoán Santaló, profesor de Xeografía e Historia que é un namorado dese tema. Así Santaló fixo unha introdución histórica sobre a figura de Fontán e sobre a evolución dos mapas ao longo da historia. A esta proposta sumouse Lola Losada, profesora de Xeografía.
 
Reunimos o alumnado de 2º da ESO no salón de actos, onde está exposta unha reprodución do mapa de Galicia elaborado por Fontán. Xoán Santaló fixo un repaso pola historia da evolución dos mapas, destacando os Seus trazos máis característicos, así como indiciu na importancia que tiveron en determinado momento, no que mesmo eran considerados segredos de Estado.
Despois deste repaso histórico e de abordar a importancia do traballo realizado por Domingo Fontán, proxectouse o vídeo realizado pola CRTVG, "Domingo Fontán e a Rede Geodésica de Galicia", que podedes atopar aquí, onde se explica como fixo a triangulación de Galicia e empregou como unidade de medida o metro, case trinta anos antes de que en España se establecera como medida oficial.
Esta sesión rematou pedíndolle ao alumnado que buscara no mapa a vila natal de Fontán, actividade que lle implicou certa dificultade polo tamaño do mapa e o número de participantes.
Posteriormente e coa axuda doutro docente de matemáticas, Gonzalo Mirás, fíxose unha nova actividade. Nela tratáronse cuestións que se están traballando na aula: a razón de semellanza e as escalas nos mapas.  Empregouse unha ampliación do mapa de Domingo Fontán, impreso a cor en folios tamaño A3, sobre o que se tomaron as medidas precisas para resolver as cuestións propostas.
A actividade deu moito xogo e eles pasárono moi ben, vicencia que tamén foi compartida polo resto do profesorado participante, quen tamén adquiriu novos coñecementos e experiencias.
 A CIENCIA EN GALICIA E EN GALEGO TAMÉN É POSIBLE!


Comentarios

Publicacións populares deste blog

Leliadoura 2022