Unha contada de MEDO


Unha contada de MEDO


O venres día 9 de novembro os alumnos e alumnas de 1º da ESO A e B tomaron rumbo cara ao CEIP Flavia para contarlle contos de medo ao alumnado de educación infantil. Foi unha xornada cargada de emocións, pois para boa parte deles supuña o reencontro co seu centro educativo previo e co profesorado de primaria.


Tras a chegada, foron recibidos polo equipo directivo e parte do profesorado que os acompañaron ata a biblioteca, onde fixeron os últimos ensaios, se vestiron, se maquillaron... para sorprender os máis pequenos coas dramatizacións.






Os contos que leron, interpretaron e mesmo representaron con monicreques foron os seguintes: Montruo ¡Sé bueno!, Gato Guille e os monstros, Un montruo, Un pesadelo no meu armario, Monstruo rosa, A visita dos troles, Carabuñas, A bruxa regañadentes, Te aseguro que los monstruos no existen, Para esconderse de un monstruo, O grúfalo e A figueira de Pelos Tortos.





Desde o EDLG estamos moi satisfeitos co labor do alumnado de 1º da ESO porque interpretou con solvencia todas estas historias de medo en lingua galega, malia algunhas das obras estaren escritas en castelán. Así mesmo responsabilizouse da confección do vestiario, dos complementos, dos efectos especiais... Só precisaron dunhas poucas indicacións para articularen unha proposta teatral que deixou neles unha desas pegadas que marcan.


Foi extraordinario palpar a ilusión coa que se involucraron nesta actividade que asumiron con responsabilidade e emoción. Así o soubo valorar o seu pequeno público de infantil que presenciou con atención e admiración todo o despregue artístico do alumnado do IES Camilo José Cela, quen tamén o agasallou cunha variedade de lambetadas.







O CEIP Flavia quixo agradecer estas dramatizacións monstruosas cuns petiscos que foron moi ben saboreados polo alumnado de 1º da ESO que quedou con ganas de volver repetir esta experiencia cargada de historias, ilustracións, representacións... enfiadas pola lingua de noso.





Comentarios

Publicacións populares deste blog

Leliadoura 2022