Publicacións

Helena Villar e Xesús Rábade celebran as Letras no IES Camilo José Cela

Imaxe
O martes 13 de maio celebramos as Letras Galegas no Cela coa visita de dúas persoas que representan coma ninguén as nosas letras e a nosa cultura: Helena Villar Janeiro e Xesús Rábade Paredes . Faláronnos de moitos aspectos relacionados coa nosa literatura: desde a literatura galego-portuguesa medieval ata a orixe do Día das Letras Galegas e as súas consideracións sobre a literatura actual.  O encontro animouse e deu lugar a un coloquio co alumnado de 4º de ESO que escoitou atentamente e participou na sesión. E a continuación, acompañamos á parella á aula da segunda planta que está dedicada a Helena Villar, que fixo a honra de inaugurala despregando a tea que cubría a placa! En definitiva, foi unha mañá na que todo o alumnado e profesorado presente gozaron da compaña de Helena e Xesús, que recibiron uns agasallos do centro e destacaron a calidade humana do alumnado do IES Camilo José Cela.

Obradoiro de Rap con Nervo

Imaxe
O día 24 de marzo tivemos a sorte de contar con Nervo, membro de Rebeliom do inframundo , para desenvolver un obradoiro de rap co alumnado de 4º de ESO. Nervo mostrounos o panorama do rap que se fai en Galicia e en galego. A actividade despertou o máximo interese do alumnado, que desfrutou facendo rimas e compoñendo letras de cancións sobre unha base rítmica. Gozamos moito da experiencia e quedounos claro que o mellor rap tamén se pode facer en galego!

Día de Rosalía no IES Camilo José Cela

Imaxe
Un ano máis sumámonos á celebración do 23 de febreiro que, como xa sabedes, é o Día de Rosalía e a data de nacemento da nosa poeta nacional. Desde o noso centro continuamos a festexar con poesía e música o día da nosa padronesa máis universal. Este ano os actos conmemorativos destacaron, coma sempre, pola súa orixinalidade: o noso compañeiro ïker adoptou a personalidade de Rosalía de Castro e, acompañado por Sandra no recitado e por Lorena, Érika, Tamara e Xeila na pandeireta, percorreron as aulas rendendo homenaxe á nosa autora cunha adaptación do poema inicial de Cantares Gallegos .   Parabéns ás compañeiras e ao compañeiro que desenvolveron esta excelente performance para lembrar a Rosalía de Castro outro ano máis!

Faleceu o poeta Bernardino Graña

Imaxe
A cultura galega vestiuse de loito o sábado 18 de xaneiro de 2025, co falecemento de Bernardino Graña. Desde o EDLG do IES Camilo José Cela queremos facer unha última homenaxe ao gran poeta, dramaturgo, narrador e docente. Ademais, deixou inmortalizado o noso centro no famoso poema "En Padrón os alumnos do instituto", en que remite ao seu paso polas aulas do noso IES na década de 1970. O curso 2023-2024, con motivo do 50 aniversario do IES, Bernardino aínda tivo presenza nas celebracións a través da dedicatoria do vídeo realizado por Lois Gil Magariños e coa entrega que se lle fixo dun agasallo conmemorativo.

Samaín e xogos populares

Imaxe
Este 29 de novembro, ademais de celebra o Samaín coa tradicional lectura de contos de medo, tivemos unha xornada de recuperación dos xogos tradicionais galegos.  O concurso de relatos de medo estivo interesantísimo. As persoas galardoadas foron Henrique Martínez Bouzón e Noemí Dios Blanco en 1º de ESO e Ernesto Nahuel García Losada e Paula Romero Losada en 2º de ESO. Pero o máis terrorífico aconteceu cando apareceu Astrid Ivanoff caracterizada como a noiva cadáver na entrega dos premios! Polo que se refire ao circuíto de xogos populares, o alumnado de 1º e 2º de ESO pasouno de marabilla coa corda, a chave, os birlos, a ra... Estes xogos causaron sensación e demostrouse que a tradición pode recuperarse e seguir divertindo os mozos e mozas de hoxe.

Orgullo galego

Imaxe
Para comezar as actividades deste curso, o 25 de outubro tivemos un encontro con Borxa, de @orgullogalego , quen nos falou da situación do galego nas redes. As súas reflexións sobre a escolla do galego como lingua en Internet foron moi interesantes e despertaron o interese do alumnado de 4º de ESO sobre a necesidade de manter a nosa lingua viva nas redes. A comunidade Orgullo galego xurdiu en 2016 para divulgar a nosa lingua e normalizar o seu uso nas redes sociais. Hoxe en día están presentes creando contido en todas as principais plataformas de internet e redes sociais. Parabéns a esta xente que loita por que a nosa lingua estea presente en todos os ámbitos e sectores!

Seguimos nomeando aulas

Imaxe
Este curso 2023-2024, o EDLG seguiu dando pulo a unha iniciativa que comezou xa uns cursos atrás: nomear as aulas do centro. E seguimos poñendo nome de mulleres galegas aos espazos do IES Camilo José Cela. Este curso nomeamos 6 aulas máis. Unha delas, como xa puxemos noutra entrada, foi a dedicada a Rosa Aneiros, que veu inaugurala en persoa! As outras foron dedicadas a Luísa Villalta (homenaxeada deste xeito no ano das Letras Galegas 2024), Margarita Ledo, María Wonenburger, María de la Fuente e Oria Moreno García.  Seguiremos nomeando espazos docentes, que aínda quedan, pero adiantamos que aínda ten que vir alguén máis a inaugurar a súa aula. Terémosvos informados e informadas!