bitácora do equipo de dinamización da lingua do ies camilo josé cela de padrón
PROXECTO ABERTO POR OBRAS. 30 N
Obter ligazón
Facebook
X
Pinterest
Correo electrónico
Outras aplicacións
-
Chegamos á última fase do proxecto. As mil grúas xa están feitas e ensarilladas nos fíos que colgarán para compoñer unha instalación visual alusiva á conmemoración da paz.
O martes 13 de maio celebramos as Letras Galegas no Cela coa visita de dúas persoas que representan coma ninguén as nosas letras e a nosa cultura: Helena Villar Janeiro e Xesús Rábade Paredes . Faláronnos de moitos aspectos relacionados coa nosa literatura: desde a literatura galego-portuguesa medieval ata a orixe do Día das Letras Galegas e as súas consideracións sobre a literatura actual. O encontro animouse e deu lugar a un coloquio co alumnado de 4º de ESO que escoitou atentamente e participou na sesión. E a continuación, acompañamos á parella á aula da segunda planta que está dedicada a Helena Villar, que fixo a honra de inaugurala despregando a tea que cubría a placa! En definitiva, foi unha mañá na que todo o alumnado e profesorado presente gozaron da compaña de Helena e Xesús, que recibiron uns agasallos do centro e destacaron a calidade humana do alumnado do IES Camilo José Cela.
Un ano máis sumámonos á celebración do 23 de febreiro que, como xa sabedes, é o Día de Rosalía e a data de nacemento da nosa poeta nacional. Desde o noso centro continuamos a festexar con poesía e música o día da nosa padronesa máis universal. Este ano os actos conmemorativos destacaron, coma sempre, pola súa orixinalidade: o noso compañeiro ïker adoptou a personalidade de Rosalía de Castro e, acompañado por Sandra no recitado e por Lorena, Érika, Tamara e Xeila na pandeireta, percorreron as aulas rendendo homenaxe á nosa autora cunha adaptación do poema inicial de Cantares Gallegos . Parabéns ás compañeiras e ao compañeiro que desenvolveron esta excelente performance para lembrar a Rosalía de Castro outro ano máis!
A cultura galega vestiuse de loito o sábado 18 de xaneiro de 2025, co falecemento de Bernardino Graña. Desde o EDLG do IES Camilo José Cela queremos facer unha última homenaxe ao gran poeta, dramaturgo, narrador e docente. Ademais, deixou inmortalizado o noso centro no famoso poema "En Padrón os alumnos do instituto", en que remite ao seu paso polas aulas do noso IES na década de 1970. O curso 2023-2024, con motivo do 50 aniversario do IES, Bernardino aínda tivo presenza nas celebracións a través da dedicatoria do vídeo realizado por Lois Gil Magariños e coa entrega que se lle fixo dun agasallo conmemorativo.
Comentarios
Publicar un comentario