Publicacións

Mostrando publicacións desta data: 2025

Obradoiro de Rap con Nervo

Imaxe
O día 24 de marzo tivemos a sorte de contar con Nervo, membro de Rebeliom do inframundo , para desenvolver un obradoiro de rap co alumnado de 4º de ESO. Nervo mostrounos o panorama do rap que se fai en Galicia e en galego. A actividade despertou o máximo interese do alumnado, que desfrutou facendo rimas e compoñendo letras de cancións sobre unha base rítmica. Gozamos moito da experiencia e quedounos claro que o mellor rap tamén se pode facer en galego!

Día de Rosalía no IES Camilo José Cela

Imaxe
Un ano máis sumámonos á celebración do 23 de febreiro que, como xa sabedes, é o Día de Rosalía e a data de nacemento da nosa poeta nacional. Desde o noso centro continuamos a festexar con poesía e música o día da nosa padronesa máis universal. Este ano os actos conmemorativos destacaron, coma sempre, pola súa orixinalidade: o noso compañeiro ïker adoptou a personalidade de Rosalía de Castro e, acompañado por Sandra no recitado e por Lorena, Érika, Tamara e Xeila na pandeireta, percorreron as aulas rendendo homenaxe á nosa autora cunha adaptación do poema inicial de Cantares Gallegos .   Parabéns ás compañeiras e ao compañeiro que desenvolveron esta excelente performance para lembrar a Rosalía de Castro outro ano máis!

Faleceu o poeta Bernardino Graña

Imaxe
A cultura galega vestiuse de loito o sábado 18 de xaneiro de 2025, co falecemento de Bernardino Graña. Desde o EDLG do IES Camilo José Cela queremos facer unha última homenaxe ao gran poeta, dramaturgo, narrador e docente. Ademais, deixou inmortalizado o noso centro no famoso poema "En Padrón os alumnos do instituto", en que remite ao seu paso polas aulas do noso IES na década de 1970. O curso 2023-2024, con motivo do 50 aniversario do IES, Bernardino aínda tivo presenza nas celebracións a través da dedicatoria do vídeo realizado por Lois Gil Magariños e coa entrega que se lle fixo dun agasallo conmemorativo.